Unha escordadura aparta a Silvia Aguete da Selección

Pontevedra
01 de outubro 2019

A gardameta do Poio Pescamar abandona a concentración do combinado nacional por unha torcedura de nocello e pérdese os dous partidos amigables contra Portugal previstos para este martes e mércores

Silvia Aguete, no partido entre Poio Pescamar e Majadahonda FSF
Silvia Aguete, no partido entre Poio Pescamar e Majadahonda FSF / Diego Torrado

A representación do Poio Pescamar na convocatoria da selección española feminina de fútbol sala redúcese. A gardameta Silvia Aguete sofre unha escordadura nun dos seus nocellos e viuse obrigada a abandonar a concentración. No seu lugar entra a porteira do Roldán FSF, Ana Etayo.

Coa marcha de Aguete, unha das fixas nas listas da seleccionadora Claudia Pons, só queda entre as catorce elixidas Ana Rivera, que fora chamada para suplir á tamén lesionada Patricia Ortega. Aínda así, na convocatoria hai xogadoras con pasado no club conserveiro como Jenny Lores.

España disputa este martes e mércores dous encontros amigables contra Portugal. O primeiro está previsto para esta tarde ás 19 horas no pabillón Carolina Marín de Huelva. Mentres que o segundo dos duelos, terá lugar na localidade onubense de San Juan del Puerto á mesmo hora. Ambos os encontros poderán seguirse en directo vía streaming, a través de www.sefutbol.es e das diferentes canles en redes sociais da Real Federación Española de Fútbol.