Unha milla solidaria pola diabetes

Pontevedra
11 de novembro 2017

Pontevedra uniuse este sábado pola diabetes. Unhas oitocentas persoas participaron na cuarta edición da milla urbana solidaria organizada pola Asociación Anedia con motivo do Día Mundial da Diabetes

Participantes na milla urbana solidaria pola diabetes
Participantes na milla urbana solidaria pola diabetes / Diego Torrado

Pontevedra uniuse este sábado pola diabetes. Unhas oitocentas persoas participaron na cuarta edición da milla urbana solidaria organizada pola Asociación Anedia con motivo do Día Mundial da Diabetes.

Nenos e adultos participaron nesta proba deportiva portando roupa de cor azul, co que se identifica a concienciación sobre esta enfermidade.

Por primeira vez, o circuíto da Alameda de Pontevedra estivo homologado pola Real Federación Española de Atletismo, o que dá validez ás marcas que se obtiveron.

Desde primeira hora da tarde fóronse sucedendo as diferentes carreiras, concluíndo coa milla popular e a competición federada.

Ademais, a xornada incluíu tamén unha exhibición de ximnasia a cargo do Club Treboada.

Os actos polo Día Mundial da Diabetes continuarán os próximos días.

Así, o luns iluminarase de azul o edificio do Concello de Pontevedra na Praza de España, coa actuación do grupo de gaitas Retrouso de Cela ás 19:00 horas e un flashmob preparado por nenos e nenas da asociación ás 19:30 horas.

O martes 14 realizaranse actividades nos comedores escolares xestionados por Arume e celebrarase unha charla ás 19:00 horas na Casa Azul co título 'Como afrontar a diabetes na adolescencia'.