Unha pelexa entre pais provoca a suspensión dun partido de prebenxamíns na Xunqueira

Pontevedra
11 de marzo 2019
Actualizado: 11:27

O colexiado do encontro entre a AJ Lérez e a EFB Moañesa sinalou na acta que "ante a gravidade dos feitos e a curta idade dos xogadores contendentes decidín suspender o partido"

Patrulla da Policía Nacional nos campos de fútbol da Xunqueira (arquivo)
Patrulla da Policía Nacional nos campos de fútbol da Xunqueira (arquivo) / Diego Torrado

A cara máis amarga do deporte deixouse ver este domingo nos campos de fútbol da Xunqueira, onde un encontro de categoría prebenxamín tivo que ser suspendido por mor dunha pelexa na bancada entre pais e nais de xogadores de ambos os equipos.

O partido en cuestión enfrontaba á AJ Lérez e á EFB Moañesa, da categoría Prebenxamín Primeira Galicia, nun dos campos de Fútbol-8 do complexo deportivo pontevedrés. 

Corría o minuto 20 de xogo, cun resultado de 3-0, cando segundo reflectiu o colexiado Alexander Váquez Castro "observo que afeccionados de ambos os equipos, na súa case totalidade nais e pais dos xogadores enceréllanse nunha discusión que vai subindo de ton ata o punto de converterse nunha pelexa, tendo que intervir as forzas da orde".

O árbitro do partido non o dubidou nese momento e "ante a gravidade dos feitos e a curta idade dos xogadores", explica na súa acta, decidiu dar por terminado o partido "estando ambos os delegados conformes coa miña decisión".

Ante esta siatuación foi requirida a presenza de axentes da Policía Local, xa que a disputa incluíu varias agresións e polo menos unha persoa ferida.

REUNIÓN DO COMITÉ GALEGO DE FÚTBOL BASE

A Real Federación Galega de Fútbol expresou este luns a súa condena a "todo tipo de violencia, física ou verbal, que se produce nun campo de fútbol", e defende que se traballa "para poder solucionar este problema". De feito, desde hai dúas tempadas o Comité de Fútbol Base aprobou dar potestade ao árbitro para suspender un encontro "no caso de producirse algún tipo de violencia desde a bancada, mesmo se fose verbal con insultos cara ao propio árbitro, adestradores ou xogadores", explica o organismo federativo nun comunicado.

Ademais, o Comité Galego de Fútbol Base ten previsto reunirse este luns ás 18:00 horas en Santiago de Compostela para tratar, entre outros asuntos, a violencia nos partidos e o que entende como "preocupante actitude de pais e nais".