Coa moral polas nubes tras ser o primeiro equipo en derrotar esta tempada ao líder da Primeira División Feminina, o Atlético Navalcarnero, o Poio Pescamar afronta agora unha dobre e ilusionante cita durante a ponte festiva.
As vermellas céntranse primeiro na liga para recibir este sábado na Seca (18:30 horas) ao AD Alcorcón, terceiro clasificado, nun esixente duelo para un equipo que se está mostrando en plena forma e que pode dar un paso máis cara ao obxectivo de asegurar a súa presenza a final de tempada na Copa de España, clasificación que está xa encamiñada.
As xogadoras adestradas por Marcio Santos non escatimarán esforzos, pero de esguello miran a outra xornada que está marcada en vermello no calendario e para a que apenas haberá tempo de recuperación, a do próximo luns 1 de maio no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Alí disputarase a final da Copa Xunta (17:00 horas) ante o Ourense Envialia, quinto clasificado en liga un só punto por encima do Poio, na que será a oportunidade de levantar o primeiro título oficial do equipo absoluto.
A venda de entradas para a cita, que será dobre coa final masculina entre Santiago Futsal e Burela ás 18:45 horas, avanza a bo ritmo e espérase que o Municipal pontevedrés rexistre un bo ambiente para a ocasión.