Unha reacción que invita ao optimismo

Pontevedra
13 de outubro 2015

Os dous últimos triunfos devolveron a calma ao Pontevedra facendo esquecer o irregular comezo de liga. O equipo empeza a traducir en puntos as sensacións que transmitía no terreo de xogo ao deixar atrás a súa seca goleadora  

Partido entre Real Racing Club e Pontevedra en El Sardinero
Partido entre Real Racing Club e Pontevedra en El Sardinero / Pablo Lanza / www.contrameta.com

A tranquilidade volveu ao Pontevedra Club de Fútbol tralos dous últimos resultados ligueiros, facendo esquecer un irregular comezo de competición que supuxo o peor arranque dos últimos anos.

Iso quedou atrás cos triunfos na casa ante o Coruxo, que chegaba a Pasarón como líder, e en especial o logrado en Santander ante un Real Racing obrigado a pelexar polo ascenso.

O equipo granate empezou a traducir en puntos as sensacións positivas que mostraba no terreo de xogo, algo que logrou ao deixar atrás a seca goleadora coa que comezara a liga.

Se en seis xornadas só lograron anotar dous tantos, ambos de Borjas ante o Tudelano, en dous partidos o Pontevedra conseguiu perforar a meta contraria en cinco ocasións, por dous goles en contra, e o que é máis importante sumou varios futbolistas á lista de goleadores.

A Borjas, que acumula catro goles dos sete do equipo, sumáronselle nesta faceta Jandrín, Pedro García e Verdú.

A mellora nos resultados coincide tamén cun momento no que Luisito pode contar con todo o seu plantel en perfectas condicións, o que non ocorrera ata o momento entre lesións e sancións.

Por outra banda o triunfo no Sardinero ten valor dobre por quitarse a etiqueta de mal visitante no mellor escenario posible, e é que os granates non gañaban fóra de casa desde o 26 de abril en Bouzas (1-2), na xornada 35 da pasada campaña.

Ingredientes todos eles que invitan ao optimismo ao superar ademais una das fases máis complicadas da competición, visitando de xeito consecutivo Ferrol e Santander. Agora o Pontevedra seberá confirmar o seu bo momento nos próximos compromisos, Atlético Astorga na casa (domingo, 17:00 horas) e ante o Arandina a domicilio.

IGUALDADE NA CLASIFICACIÓN

O Grupo I da Segunda B estase a caracterizar por unha tremenda igualdade. Co Racing de Ferrol como líder destacado e o Logroñés seguindo os seus pasos, o resto de equipos pelexan nunha pequena marxe de puntos.

Reflexo da igualdade existente é o feito de que o cuarto clasificado, o Lealtad asturiano, suma 13 puntos, só tres máis que o decimoquinto, Arandina. Visto doutro xeito, o Pontevedra con 10 puntos está a só tres da fase de ascenso pero tamén a tres do descenso directo, mentres a distancia coa promoción de permanencia é dun punto.