Pontevedra recuperará 2021 a proba deportiva máis divertida do ano, unha San Silvestre que pasa por ser a de maior tradición de Galicia e que antes da pandemia entregou as súas 7.000 dorsais dispoñibles para despedir o ano facendo deporte.
Pasado o Medio Maratón de Pontevedra, a Sociedad Gimnástica e o Servizo Municipal de Deportes puxéronse ao choio para planificar a popular proba, todo un evento de espírito festivo que, dada a situación actual, pretende recuperar o seu habitual formato.
É polo menos a intención dos responsables, que a San Silvestre sexa "o máis normal que se poida", afirman, deixando así atrás a edición virtual do pasado ano.
A súa organización está aínda nunha fase inicial, pero canto menos ese obxectivo é claro.
Para logralo faise imprescindible definir aínda o protocolo de seguridade que seguirá, pero ao tratarse dun evento ao aire libre e máis unha celebración que unha proba deportiva en si, é de esperar que se poida fixar un importante límite de participación tentando respectar unha serie de recomendacións. Entre elas todo apunta por exemplo a que a máscara se manterá como un requisito obrigatorio para poder participar.
Pouco importan aínda outros detalles, como un percorrido que se parecerá ao das últimas ocasións con saída e meta na Avenida Montero Ríos, porque o importante é que o 31 de decembro se recupere un evento do que gozan tantos e tantos pontevedreses cada ano.