Unha vintena de clubs participarán no IX Torneo Internacional Antonio Suárez

Marín
14 de xuño 2025

O evento deportivo celebrarase entre o 20 e o 22 de xuño en diversas instalacións de Marín. Conta cunha listaxe de equipos de luxo do panorama galego, nacional e internacional

Presentación do IX Torneo Internacional Antonio Suárez de Fútbol Sala Concello de Marín

Marín prepárase para unha das citas máis importantes do fútbol sala basee a nivel nacional e internacional.

Trátase do IX Torneo Internacional Antonio Suárez de Fútbol sala, un evento organizado polo Marín Futsal que reunirá a máis dunha vintena de clubs entre o 20 e o 22 de xuño en diversas instalacións deportivas do municipio.

No acto de presentación, celebrado este venres, estiveron presentes a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro Antonio Caíña, acompañados polo xefe provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides.

Tamén asistiu todo o equipo técnico do Marín Futsal e a canteira do club.

O torneo contará coa participación dunha listaxe de equipos de luxo, tanto do panorama galego, nacional e internacional, o que eleva o nivel e o atractivo da competición.

Os clubs confirmados que se darán cita en Marín son o galegos Lago Sport As Pontes, O Parrulo Ferrol FS, Stellae Leis Pontevedra, FS Carballiño FS, ADFS Bueu, Redondela FS, Jogafan Ordes FS, CAS Nauga, CD La Peña, EF Vila de Marín, CD Compostela, Arealonga FS, CD Bueu e SCD Salcedo.

Tamén estarán presentes o Toledo FS, Valladolid Sport, Trepalio León FS e Legio Sala León, mentres que o toque internacional porao o equipo portugués AST Santo Tirso.