O Marín Futsal aposta por Raúl Jiménez, o adestrador co que ascendeu a Primeira

Marín
10 de xuño 2025
Actualizado: 14:03

Tres anos despois da súa marcha, Raúl Jiménez regresa ao Marín Futsal tras o descenso do equipo a Segunda División

Raúl Jiménez, na súa primeira etapa no Marín Futsal
Raúl Jiménez, na súa primeira etapa no Marín Futsal / Mónica Patxot

"O patrón que nos levou a Primeira, volve para coller de novo o temón".

Con esas palabras anunciou o Marín Futsal o adestrador que dirixirá o equipo a próxima tempada tras o seu descenso a Segunda División.

Non é outro que o técnico co que en 2021 logrou o histórico ascenso do club á máxima categoría, Raúl Jiménez.

El será o encargado de comandar por tanto a reconstrución do proxecto marinense.

Na súa anterior etapa no Marín Futsal, Raúl Jiménez dirixiu o equipo ademais na súa primeira campaña na elite, logrando a permanencia e tamén a clasificación para a fase final da Copa da Raíña, na que caeu nos cuartos de final.

Acabada esa tempada, no verán de 2022 preparador e cub separaron os seus camiños.

O do técnico é o primeiro nome confirmado no novo proxecto deportivo da entidade da Raña.

Ademais nos últimos días o Marín Futsal confirmou unha baixa, a da guadameta Patri Arruti, que non seguirá no equipo tras o descenso de categoría.