Unhas 1.500 persoas incribíronse xa para participar na carreira de San Silvestre

Pontevedra
26 de decembro 2023

O goteo de rexistrados para a carreira de San Silvestre está a ser constante. Preto de 1.500 persoas anotáronse xa para despedir o ano correndo polas rúas de Pontevedra, trescentas das cales formalizaron a súa inscrición esta mesma mañá

Reparto de dorsais para a San Silvestre 2023
Reparto de dorsais para a San Silvestre 2023 / Mónica Patxot

O goteo de rexistrados para a carreira de San Silvestre está a ser constante. Iso si, como é tradicional, parece que moitos dos participantes deixarano para última hora.

Preto de 1.500 persoas anotáronse xa para despedir o ano correndo polas rúas de Pontevedra, trescentas das cales formalizaron a súa inscrición esta mesma mañá.

"Os últimos días van ser tremendos, porque a xente déixao todo para última hora", sinalan desde a organización da carreira, que cambiou o lugar de entrega de dorsais.

Durante os próximos días poderán retirarse nun local comercial da rúa Castelao.

Os rexistrados están a preguntar ademais que produtos de primeira necesidade fan falta para doar aos colectivos en risco de exclusión social, a vertente solidaria desta carreira.

A este respecto, os organizadores destacan que "é un paquete por persoa, pero a xente é xenerosa e trae máis".

Nestes momentos, as principais demandas serían botes de legumes fervidos, potitos para bebés e cueiros.