Valencia Basket e Breogán cítanse na final do X Torneo EncestaRías

Pontevedra
19 de setembro 2025

O Pavillón Municipal dos Deportes gozou este venres da primeira xornada do X Torneo EncestaRías, unha cita do máximo nivel e que aínda garda a súa traca final este sábado 20 de setembro

X Torneo EncestaRías de Baloncesto en Pontevedra

Espectáculo ao grande no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra na primeira xornada do X Torneo EncestaRías.

O que é xa un dos eventos máis destacados de toda a pretempada baloncestística a nivel nacional volveuno a confirmar cun cartel de luxo, no que destacaban tres equipos de Euroliga como Real Madrid, Valencia Basket e Baskonia xunto ao máximo representante autonómico, o Breogán lugués.

Os afeccionados ao deporte da canastra acudiron en número importante ao coliseo pontevedrés, cun dobre enfrontamento de semifinais cheo de alicientes.

No primeiro partido medíanse o Baskonia cun Valencia Basket que apunta alto esta tempada.

Pouco importanban as importantes ausencias confirmadas horas antes por ambos os dous bandos. Quedaron na casa nomes como o lituano Tadas Sedekerskis, o letón Rodions Kurucs e o norteamericano Markus Howard polo conxunto vasco e Brancou Badio, Jean Montero e Xabi López-Arostegui polos valencianos.

Aínda así, sobre a pista do Municipal desbordaba o talento.

Choque entre Baskonia e Valencia no X Torneo EncestaRíasDiego Couso - ADC EncestaRías

O claro dominador do primeiro encontro foi un Valencia que marcou territorio xa no primeiro cuarto (17-36) e que confirmaba a súa renda ao descanso (37-60), levando sempre a iniciativa até pór no marcador o 84-99 final.

Tras a primeira semifinal chegaba o prato forte da xornada, co novo Real Madrid do xa ex-seleccionador nacional Sergio Scariolo e o Breogán, sempre disposto a plantar batalla.

O renovado proxecto branco chegaba sen Théo Maledon, o galego Alberto Abalde, Mario Hezonja e Deck, pero con novas caras como Kramer, Izan Almansa, Chuma Okeke, Trey Lyles e Procida. Estes dous últimos debutaban ademais en Pontevedra.

Con seis novos xogadores afrontaba a cita tamén o Breogán de Luis Casimiro: DeWayne Russell, Francis Alonso; Keandre Cook; Dario Dreznjak, Bakary Dibba e Danko Brankovic.

Foi un duelo non exento de emoción e con sorpresa final.

Comezou mandando o Real Madrid tomando vantaxe no primeiro cuarto (16-21) e ampliando a súa renda cunha solvente primeira metade (29-41).

Parecía que nada podía evitar o triunfo madridista, chegando aos últimos dez minutos cunha cómoda vantaxe (43-56), pero o Breogán tirou de orgullo para nun vibrante final empatar (69-69) e forzar unha prórroga na que se terminaría impoñendo contra prognóstico por 83 a 78.

O X Torneo EncestaRías vivirá este sábado 30 de setembro a súa última xornada co duelo polo terceiro e cuarto posto (18.00 horas) entre Real Madrid e Baskonia e a gran final entre Breogán e Valencia Básket ás 20.30 horas.