A falta dun día para o peche do período de inscrición, 480 atletas confirmaron a súa presenza no primeiro medio maratón Maralba Running Fest, que unirá as localidades do Grove e Cambados.
Entre os anotados figuran a campioa de España de maratón e olímpica Vanessa Veiga e outro maratoniano como Manuel Hurtado, ademais de atletas como Robertas Geralavicius, Iván Docampo, Leticia Fernández ou Barca Toba.
O Maralba disputarase o próximo domingo 28 de setembro, con saída ás 10:00 horas dende o peirao do Grove e chegada na cambadesa praza de Fefiñáns e nace con vocación de continuidade, segundo recoñeceu na presentación da carreira o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, aínda que "o acordo é que un ano saia dun concello e o seguinte dende o outro".
Pola súa banda o director técnico da proba, Pablo Díaz, confirmou que os 21.097 metros do circuíto se homologaron, un percorrido "vistoso e bastante levadeiro", fundamentalmente chairo pero con algunha pendente a partir do quilómetro sete.