O Estadio Municipal de Pasarón ditará sentenza. É unha final, a todo ou nada, na que o Pontevedra depende de si mesmo para lograr un billete para o play-off de ascenso a Segunda División.
Para conseguilo deberá vencer o vindeiro sábado 23 de maio (18.30 horas) na casa a un Real Avilés Industrial que se xoga pola súa banda a permanencia en Primeira RFEF.
É a última xornada de liga regular, xa non hai rede, e espérase un gran ambiente no coliseo pontevedrés.
As entradas para o choque puxéronse este mesmo luns á venda, a un prezo reducido con respecto ao habitual ao longo da presente tempada e tamén cunha promoción para socios.
E é que o club granate decidiu que cada abonado poida retirar ata dúas entradas para un acompañante a metade de prezo.
Trátase dunha promoción válida soamente de maneira anticipada na venda online ou na oficina de Pasarón, até esgotar existencias.
No que respecta ao prezo xeral das localidades, habilitouse unha entrada dunha única categoría (desde os maiores de 6 anos aos adultos) a un prezo de 15 euros en Tribuna e 10 euros nos fondos.
Os menores de 6 anos manteñen o acceso gratuíto ao estadio.
🚨 AMPLIAMOS OPERACIÓN #ENCHERPASARON
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) May 18, 2026
👉 Cada abonado terá a opción de retirar ATA DÚAS entradas a metade de prezo ♥️
Pasarón marcará o primeiro gol ⚽️
Os nosos vos necesitan 🥹 https://t.co/KnDlvTJFCH pic.twitter.com/zRb40YMGIx