A derrota do Pontevedra Club de Fútbol fronte o Tenerife no Heliodoro Rodríguez (3-0) non deixa ningunha lectura positiva de cara á última xornada de liga.
Rubén Domínguez, que non poderá sentar no banco fronte o Avilés tras ser expulsado no encontro deste domingo, recoñeceu que "foi un mal día de todos, estivemos todos mal e desacertados e ante un rival deste nivel e desta calidade pois é moi difícil".
O gol encaixado tras o descanso fixo moito dano ao equipo xa que "aos 5 minutos pois nos atopamos o terceiro que foi como unha lousa, logo cando estás un pouco dixeríndoo pois vén tamén a acción da expulsión".
E é que a dobre amoestación a Miguel Cuesta privará ao asturiano de xogar o último partido de liga fronte o Real Avilés. Ademais, o técnico ourensán tamén foi expulsado tras devandita acción por unha presunta protesta que se produciu por unha "falta de entendemento".
"Estabamos a pedir unha falta anterior e non nos estabamos entendendo, el dicíame que non podía pedir unha acción de vermella polo de Cuesta pero eu non me estaba referindo a iso e perdín os papeis" aclarou o adestrador do conxunto granate.
En relación ao decisivo encontro do próximo sábado, Domínguez afirmou que "hai que pór o foco en gañar a Avilés, que é o que depende de nós".
A realidade é que unha vitoria do Pontevedra garante a clasificación ao play-off sen depender de resultados externos: "Foi un partido pois deses que hai que borrar xa da mente porque temos algo moi importante e moi serio este sábado en casa"
"Seguramente todos soñabamos con isto na xornada 38, depender de nós ante a nosa xente para poder aspirar a meternos nun playoff de ascenso a segunda división" afirmou o técnico ourensán na rolda de prensa posterior ao encontro fronte o Tenerife.
Todo decidirase o vindeiro sábado ás 18:30 horas en Pasarón.