Yelko Pino e a "oportunidade de ouro" de xogar un play-off: "Temos ganas de pechalo canto antes"

Pontevedra
13 de maio 2026

O centrocampista granate agradeceu o apoio incondicional dunha afección que tamén estará presente en Tenerife. "Van ser un factor diferencial", asegura sobre o final de tempada

Yelko Pino, no partido entre Pontevedra CF e Club Deportivo Lugo en Pasarón
Yelko Pino, no partido entre Pontevedra CF e Club Deportivo Lugo en Pasarón / Cristina Saiz

É o momento da verdade e da ilusión para o Pontevedra Club de Fútbol, e así o expresan tamén desde o vestiario granate.

Os de Pasarón dependen de si mesmos para pechar esta mesma semana a súa presenza no play-off de ascenso a Segunda División, no encontro que disputarán fronte ao Tenerife no Heliodoro Rodríguez López (domingo 17 de maio, 17.00 horas), e por iso un dos capitáns do primeiro plantel como Yelko Pino fala de "situación inmellorable".

"É un partido obviamente complicado porque é o campión, independentemente de que estean ascendidos ou non, pero imos ir alí coa máxima ilusión, sabendo do bo momento no que estamos. A verdade que temos moitas ganas de pechalo canto antes", asegurou este mércores en rolda de prensa o 10 do Pontevedra.

"Sabemos que temos unha oportunidade de ouro", recoñece o centrocampista sobre a posibilidade de disputar unha fase de ascenso e coa ilusión de achegarse ao fútbol profesional.

Ademais "creo que estamos no noso mellor momento", afirmou Yelko defendendo a traxectoria dun equipo granate que "leva facendo as cousas moi ben todo o ano".

Non estarán ademais sós en Tenerife, e é que ao redor dun cento de afeccionados pontevedreses estarán presentes no Heliodoro. Un motivo de orgullo para Yelko Pino, que quixo agradecer o apoio incondicional da bancada durante toda a tempada.

"Creo que van ser un factor diferencial tanto o día do Avilés como queda con eses posibles play-offs, e creo que son conscientes diso. Desde aquí agradecerlles por este ano porque estivemos acompañados en todo momento", sinalou un dos capitáns do primeiro plantel granate contento de que "poidan visitar ese tipo de campos" pero tamén por "todas as viaxes" ao longo do ano e por "o que nos axudan na casa".

En definitiva "toda a xente que vén vernos ao estadio, incluso toda a cidade, creo que se está a ilusionar co que estamos a facer e iso énchenos a nós de alegría e de motivación para seguir competindo", finalizou Yelko.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora