O Pontevedra Club de Fútbol confirmou este luns a organización dun desprazamento en autocar para os seus afeccionados para a próxima xornada de liga, na que se medirán o vindeiro sábado 22 de outubro (19.00 horas) á Cultural Leonesa a domicilio.
O club granate xestionará as inscricións dos seguidores interesados, aínda que sinala que o autobús só sairá se se completan un mínimo de 45 prazas.
En canto ao custo, cada afeccionado deberá abonar 45 euros, co prezo da entrada incluído.
O autobús partirá ás 9.00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar ao termo do encontro.
Os afeccionados poden anotarse á viaxe nas oficinas do club en Pasarón ata o venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Ademais tamén poderán adquirirse nas oficinas do Pontevedra entradas soltas para o partido de liga no Estadio Reino de León.