O Grupo Deportivo Supermercados Froiz estará representado nos campionatos do Mundo de ciclismo en estrada que se están disputando en Glasgow.
En terras escocesas atópase xa o seu corredor Vicente Rojas, un dos homes máis destacados da tempada no equipo pontevedrés, para participar na proba de fondo masculina Sub-23 coas cores da selección de Chile.
A carreira terá lugar o vindeiro sábado 12 de agosto.
Será no mesmo circuíto que o utilizado polos ciclistas profesionais a pasada fin de semana, aínda que nesta ocasión cunha distancia de 170 quilómetros e 2.123 metros de desnivel acumulado, con sete voltas ao circuíto urbano de Glasgow.
Vicente Rojas, que a próxima tempada dará o salto a profesionais no Bardiani italiano, xa levantou os brazos este ano nunha proba internacional, ao proclamarse campión panamericano.