Víctor Loira encara unha nova "tolemia" para dar visibilidade ás enfermidades intestinais

Pontevedra
02 de setembro 2020

O atleta marinense, que padece a Enfermidade de Chron, participará no Ultra Tríatlon Terra Astur os días 10, 11 e 12 de outubro no que deberá completar máis de 500 quilómetros a nado, en bicicleta e a pé

VÏctor Loira participará no Ultra Tríatlon Tierra Astur
VÏctor Loira participará no Ultra Tríatlon Tierra Astur / Mónica Patxot

O deportista extremo Víctor Loira competirá os días 10, 11 e 12 de outubro no Ultra Tríatlon Terra Astur, unha proba dividida en tres etapas na que os participantes completarán unha distancia total de 500 quilómetros. O atleta marinense, que padece a Enfermidade de Chron e porta unha bolsa de ostomía, marcouse este reto co obxectivo de dar visibilidade ás enfermidades intestinais e reclamar unha mellor atención por parte dos gobernos. "É unha tolemia, pero tamén o é vivir como vivimos", declarou o triatleta no anuncio da súa presenza nesta proba que tivo lugar no Concello de Pontevedra.

Acompañado pola concelleira Yoya Blanco e a presidenta de ASSEII (Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal), Loira recoñeceu que dos quince deportistas inscritos na proba, só el presenta patoloxías. Por iso a súa estratexia de carreira será diferente á dos demais. "O que me dá máis medo é a natación", dixo sobre a proba coa que comezará o desafío. 

Na primeira xornada os deportistas deberán completar 10 quilómetros a nado e 140 quilómetros en bicicleta con dúas subidas ao Alto do Fito, porto habitual no percorrido da Volta a España. Ao día seguinte terá lugar unha carreira de 270 quilómetros en bicicleta polo escarpado territorio asturiano, sempre na contorna de Ribadesella. A cita concluirá cunha carreira a pé de 84,4 quilómetros na que Loira irá acompañado da súa muller. "Correrei 10 quilómetros e logo camiñarei outros dous acompañado pola miña muller", explicou o marinense a súa estratexia para poder completar o esixente percorrido.

"Se non se logra o reto, si se logra", declarou a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, para lembrar que o verdadeiro obxectivo é dar visibilidade a este tipo de enfermidades coa intención de conseguir unha mellor atención para os pacientes que pasan polo recoñecemento da súa discapacidade, conseguir máis investimento en investigación e tratamentos, así como a instalación de baños para ostomizados, persoas que levan unha bolsa axustada ao corpo conectada ao seu intestino.

"Víctor Loira encarna a loita de que o deporte e os ostomizados son compatibles", quixo resaltar Blanco antes de ceder a palabra ao protagonista.