O VII Rallye de Pontevedra é xa un éxito antes mesmo de que os motores empecen a ruxir.
A proba automobilística, quinta cita puntuable para o Campionato Galego de Rallyes, celebrarase o vindeiro sábado 7 de xuño con 140 pilotos confirmados, isto é, alcanzando o límite máximo permitido no seu regulamento.
"É sen dúbida unha das mellores da nosa historia", afirman sobre a inscrición desde a organización comandada pola Escudería Congostra Team Sanxenxo.
Isto é así por varios motivos, primeiro porque todas as copas de promoción puntuan no Rallye de Pontevedra (Supercampionato R5 Pirelli Recalvi, Top Ten Pirelli B, Top Ten Pirelli C, Clio Trophy Galicia, Challenge R2 – Staroil, Pirelli AMF, Sandero Eco Cup Galicia, Volante FGA e Criterium Recalvi).
Ademais porque entre a lista de participantes figuran tres vehículos de categoría WRC ademais de oito Rally2 e outros coches rechamantes como Mitsubishi Lancer, Porsche ou Toyota GR Yaris.
Á cabeza da lista de participantes figura o vencedor do catro últimas edicións, Víctor Senra, aos mandos esta vez dun Hyundai I20 Coupé WRC e con Paula Ramos como copiloto. Os outros participantes cun WRC serán Jorge Pérez e Manuel Raído cun Ford Fiesta WRC e Antonio Pérez e Álvaro Muñiz cun Skoda WRC.
Senra gañou as tres probas do campionato galego que correu este ano, o que lle vale a segunda praza provisional do campionato con 120 puntos.
O líder do certame é Alberto Meira (136 puntos con catro segundos postos), que tamén estará na lista de saída do Rallye de Pontevedra con Avelino Martínez como copiloto e ao volante dun Skoda Fabia Rallye2.
Daniel Berdomas, gañador esta tempada no Rallye Berberecho de Noia, é o terceiro en discordia con 100 puntos. Esta vez competirá nun Hyundai I20 N Rally2 facendo parella con Brais Mirón.
Unha nómima de participantes que asegura o espectáculo nun Rallye de Pontevedra que este ano se reinventa e que contará con catro tramos (Cerdedo-Cobade, Moraña, entre Sanxenxo e Meaño e no Concello de Barro), con dúas pasadas cronometradas a cada un deles.