VÍDEO.- A emoción de Tere Abelleira por verse nas semifinais do Mundial: "O sentimento é de felicidade inmensa"

Pontevedra
11 de agosto 2023

A centrocampista pontevedresa, visiblemente emocionada tras seguir facendo historia para o fútbol feminino español, acordouse da súa familia tras o partido contra Países Baixos que supuxo a clasificación para as semifinais do Mundial e tamén "de toda a xente que está en España"

Tere Abelleira, na zona mixta tras a clasificación de España para semifinais do Mundial RFEF

A Selección Española Absoluta, e con ela Tere Abelleira, están a facer historia para o fútbol feminino nacional no Campionato do Mundo que se está a celebrar en Australia e Nova Zelandia.

A futbolista pontevedresa, vivisblemente emocionada, non só foi protagonista sobre o terreo de xogo no partido fronte a Países Baixos no que o combinado nacional logrou este venres a clasificación para as semifinais do Mundial, senón que tamén pasou despois do choque pola zona mixta para atender o departamento de prensa da Real Federación Española.

"O sentimento é de felicidade inmensa. Merecémonolo", afirmou Tere.

Nas súas palabras acordouse ademais "da miña familia, os meus pais están aquí, a miña irmá... De toda a xente que está en España", sinalou, e é que está a vivir un momento histórico que espera que non quede aquí, porque está a só dous partidos do soño de levantar a Copa do Mundo.