O Concello de Poio quere instalar unha pantalla xigante para seguir o vindeiro domingo 20 de agosto (12.00 horas) a gran final do Campionato do Mundo Absoluto de Fútbol para o que se clasificou brillantemente España baixo a batuta da pontevedresa Tere Abelleira, unha das protagonistas do torneo e titular indiscutible co equipo nacional.
Así o anunciou o alcalde, Ángel Moldes, asegurando que "estamos a realizar xestións para poder seguir a final do Mundial nunha pantalla xigante, e así todos poderemos apoiar, xuntos, á nosa veciña Teresa Abelleira e á selección".
Tal e como confirma Moldes, a pantalla instalaríase na Praza da Chousa, en Combarro.
Cabe lembrar que a carreira deportiva de Teresa Abelleira está vinculada a Poio, xa que en categorías inferiores destacou na canteira do Poio Pescamar chegando a conseguir proclamarse campioa de España co conxunto conserveiro.