A pelexa por entrar na fase de ascenso á Liga Asobal está que arde, con cinco equipos en apenas un punto de distancia na División de Honra Prata para as dúas últimas prazas de play-off.
Entre eles está o Club Cisne Balonmán, que pecha ese pelotón con 23 puntos polos 24 dos seus rivais tras perder a súa posición de privilexio nunha polémica derrota a fin de semana en Málaga (29-28).
Na entidade pontevedresa existe indignación por unha decisión arbitral, nos últimos instantes do choque na pista do Trops Málaga, que lles privou de sumar un punto tremendamente valioso.
Os de Jabato remontaran nos minutos finais unha desvantaxe de cinco goles, pasando do 25-20 ao 28-28 co que se chegou ás accións decisivas.
No Cisne defenden tras o último ataque local, que finalizou cun golpe franco, os colexiados piden parar o tempo co cronómetro marcando 29:59, é dicir, a falta de só un segundo. De permanecer así só quedaba opción dun lanzamento directo de falta, nos que é moi complicado anotar. Con todo os árbitros permitiron retroceder o tempo uns segundos, o suficiente para permitir un pase antes do lamzamiento que supuxo, sobre a bucina, o definitivo 29-28.
Un relato que coincide co que se pode apreciar a través da retransmisión en streaming do partido aloxada na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.
Así foi o polémico final de encontro do pasado sábado en Málaga. pic.twitter.com/ysEIYGIieo
— Club Cisne Balonmano (@ClubCisneBalonm) March 11, 2024
Pese ao enfado, e tras pensar nas súas opcións, o Cisne decidiu non recorrer ante Competición, xa que casos similares saldáronse no pasado sen ningún tipo de rectificación por parte da Federación.