Reparador triunfo do Cisne en Oviedo para reengancharse á pelexa polo play-off (30-33)

Pontevedra
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O conxunto pontevedrés impúxose este martes na súa pista ao Unión Financeira Oviedo, en partido aprazado da xornada 16 de liga na División de Honra Prata, e recupera sensacións para situarse a só un punto da fase de ascenso

Partido de liga entre Cisne e Oviedo no Municipal
Partido de liga entre Cisne e Oviedo no Municipal / Mónica Patxot

O Club Cisne Balonmán recupera sensacións e posicións na División de Honra Prata co reparador triunfo que logrou este martes na pista do Unión Financeira Oviedo, en partido aprazado da xornada 16 de liga.

O conxunto pontevedrés chegaba sen rede ao encontro, despois de tres derrotas consecutivas (dúas en liga e outra en Copa do Rei) que lle facían afastarse da zona de play-off de ascenso. Con todo os de Jabato lograron repoñerse das adversidades para sumar dous puntos que lles colocan a só un do obxectivo, na sétima posición (25 puntos).

A pesar de todo non comezou ben o encontro, e é que os de Jabato arrincaron tremendamente imprecisos cunha perda ofensiva, un lanzamento fóra e ata dous sete metros fallados nos seus primeiros ataques, circunstancia que os locais aproveitaron para tomar o mando cunha parcial inicial de 2-0. O Cisne tardou de feito máis de sete minutos en estrearse, nunha contra culminada por Mateo Arias.

O bo ton defensivo permitía minimizar danos, igualando Alberto Delgado o marcador (2-2) no minuto 9 de xogo.

O Oviedo con todo seguía levando a iniciativa nun duelo no que defensas e porterías estaban a impoñerse aos ataques. Con diferenzas mínimas o Cisne lograba mandar por primeira vez superado o ecuador do primeiro acto (5-6), entrando nuns minutos de alternacia e igualdade máxima.

Foi así ata o minuto previo ao descanso, no que cun par de golpes á contra xunto a un sete metros parado por Abián o Cisne lograba a súa máxima vantaxe do partido (11-13).

E se acabou ben o primeiro tempo, mellor empezou o segundo para os pupilos de Jabato. Abián Rodríguez detiña os tres primeiros ataques locais e cos goles de Mateo Arias, De Moura e Dani Serrano os pontevedreses abrían por primeira vez unha brecha importante no marcador (11-16) en menos de tres minutos.

Tentaba entón reaccionar o Oviedo, pero a tendencia xa era outra. Agora si as accións ofensivas cisneístas empezaban a fluír contendo os esforzos asturianos por volver engancharse ao partido. 

O Unión Financeira pedía tempo morto no minuto 39 cando vía que se lle escapaba o choque (15-21). Os seus xogadores evidenciaban xa certo nerviosisimo, pero chegaban nunha arrancada para reducir a desvantaxe aos dous goles (22-24) a 12 minutos do final.

Tocaba aínda apertar os dentes para asegurar o triunfo, e fíxoo o Cisne primeiro con dous tantos consecutivos que apagaban a rebelión local e despois sen deixar que se achegasen máis que eses dous goles, asegurando dous puntos vitais para o equipo e para pensar que o play-off de ascenso aínda é posible.

 Consulta a acta do partido na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.