VÍDEO.- Os loitadores Pablo García e Noelia Lalín, adestramento en parella durante o confinamento

Pontevedra
23 de abril 2020

O pontevedrés, que aspiraba a pelexar pola clasificación para Tokyo no último clasificatorio olímpico da tempada, segue preparándose na casa pese ao aprazamento dos Xogos, e faino xunto á súa parella, a tamén loitadora Noelia Lalín

O loitador Pablo García adestrando na casa durante o confinamento
O loitador Pablo García adestrando na casa durante o confinamento

Manterse en forma é o gran reto dos deportistas de elite durante o confinamento obrigado ante o estado de alarma. Sen apenas medios e instalacións, moitos son os que tiran de imaxinación para tentar conseguilo.

Claro que é máis fácil se se vive con outra persoa que se dedica ao mesmo deporte que ti. É o caso de Pablo García, do Club de Loita Pontevedra. Na súa mente estaba pelexar dentro dunha semana en Bulgaria (30 de abril ao 2 de maio) por unha praza nos Xogos de Tokyo. Agora coa cita olímpica aprazada do mesmo xeito que o torneo de clasificación, é necesario manter a motivación pensando xa en 2021.

Pablo pasa estes días de confinamento coa súa parella, a tamén loitadora Noelia Lalín (Keltoi Vila de Cruces), unha situación que lles permite seguir preparándose cada día apoiándose o un no outro. O pontevedrés foi compartindo estas semanas en redes sociais parte dos seus adestramentos, que se completan con sesións virtuais co seu adestrador Marcos Miragaya e o preparador físico Kike Ordóñez.

Ademais, nun vídeo compartido pola conta de Galicia en Goles, programa deportivo da Radio Galega, explicaron con maior detalle a súa día a día, que pasa por tentar "seguir los horarios habituales que teníamos antes de la cuarentena con dos sesiones de entrenamiento, uno por la mañana que es principalmente preparación física y otro por la tarde que son ejercicios enfocados en lucha". Motivación desde logo non lles falta.