VÍDEO.- Tere Abelleira fai saltar as alarmas ao aparecer en muletas en Wembley

Pontevedra
27 de febreiro 2025

A futbolista pontevedresa caeu por sorpresa da convocatoria de España para o partido contra Inglaterra tras lesionarse no adestramento previo, deixando unha preocupante imaxe en Wembley

Teresa Abelleira, entrando en Wembley con muletas
Teresa Abelleira, entrando en Wembley con muletas / RTVE

Ninguén o esperaba. Por iso a imaxe do partido da UEFA Women's Nations League entre Inglaterra e España no mítico estadio de Wembley non foi para moitos o resultado (1-0 para as inglesas), senón a preocupante lesión de Teresa Abelleira.

A centrocapista pontevedresa caeu a última da convocatoria para este partido tras danar o seu xeonllo esquerdo no último adestramento da Selección previo ao choque.

Tere completara con normalidade os 15 minutos de sesión abertos á prensa, pero a incidencia chegou despois, e sen comunicado nin parte da Real Federación Española de Fútbol ninguén esperaba a súa ausencia.

Durante o mércores foi sometida en Londres ás primeiras probas, e a previsión é que pase un novo exame xa en Madrid para determinar o alcance exacto da doenza, aínda que as alarmas se acenderon facendo temer unha lesión de importancia.

O certo é que Abelleira compareceu sobre o céspede e Wembley axudada de muletas e cunha protección no seu xeonllo.

Así o captaron as cámaras de Televisión Española, que compartiron a imaxe da pontevedresa accedendo ao campo acompañada da súa compañeira de selección e de club Olga Carmona.

Sen Teresa no céspede, o combinado nacional perdeu o seu partido da segunda xornada da Nations League debido a un gol de Jess Park no minuto 33 de xogo, e a pesar de facer méritos para lograr un mellor resultado.

Desta forma España cae á terceira posición do seu grupo con 3 puntos, polos 4 cos que contan a propia Inglaterra e tamén Portugal.