O VIII Rallye de Pontevedra xa está aquí: Estes son os tramos e horarios de competición

Sanxenxo
03 de xuño 2026

A Escudería Congostra Team Sanxenxo, organizadora da proba automobilística, deu a coñecer os horarios dos diferentes tramos e pasadas cronometradas para os días 5 e 6 de xuño

VII Rallye de Pontevedra
VII Rallye de Pontevedra / Cristina Saiz

É unha das citas máis esperadas cada tempada polos afeccionados ao motor da comarca.

O VIII Rallye de Pontevedra, cita puntuable para o Campionato Galego, xa está aquí, e o seu organizador, a Escudería Congostra Team Sanxenxo, foi desvelando todos os detalles da competición.

Serán un total de 140 os pilotos que se batan o cobre na presente edición do Rallye de Pontevedra. Non faltarán o tres primeiros clasificados até a data do Campionato Galego, un certame que encabezan con 115 puntos grazas a dous triunfos e un segundo posto nas carreiras previas Daniel Berdomas e Brais Mirón co seu Citroen C3 Rally2. Segundos son Luís Vilariño e David Míguez (97 puntos) e terceiros José Manuel Lamela e Unai Conde (85 puntos), en ambos os dous casos aos mandos dun Skoda Fabia 5R.

Nesta cita tamén estará Alberto Meira co seu copiloto Avelino Martínez, gañador do recente Rally da Mariña na súa única presenza esta tempada no Campionato Galego, cun Skoda Fabia RS Rally2.

Ademais figuran na lista de inscritos dúas monturas aspirantes ao Supercampeonato de España de Rallyes que afinarán a súa preparación en Pontevedra. Trátase de Iván Ares xunto a Borja Rozada aos mandos dun Toyota Yaris Rally2, e de Jorge Cagiao xunto a Javier Matínez noutro Toyota Yaris GR Rally2.

O VIII Rallye de Pontevedra arrincará o venres 5 de xuño de mañá cun novo 'shakedown' ou tramo espectáculo na Escusa, en Poio. Trátase dun tramo de 4,28 quilómetros que non contará coa clasificación final e limitado a un máximo de 60 vehículos.

A organización, que compartiu de maneira oficial os horarios e indicacións para acceder aos tramos, indica que de 11.00 a 12.45 horas competirán vehículos de dúas rodas motrices e de 12.45 horas a 14.30 horas farano os de catro rodas motrices.

A parte puramente competitiva concentrarase na xornada do sábado 6, con tres tramos habilitadas e dúas pasadas cronometradas a cada un deles.

O primeiro deles será o de Cerdedo Cotobade (9.25 horas primeira pasada e 13.25 horas a segunda). Trátase dun treito bautizado pola organización como "o desafío da montaña. Rápido, técnico, estreito, con trampas e sobre todo, renovado con respecto ás anteriores edicións".

Seguiralle o tramo de Moraña-Barro ou "a tolemia", e é que avanzan "vai marcar todas as diferenzas. Máis de 18 kms cronometrados. Zonas rápidas, lentas, sucias, estreitas, continuos cambios de ritmo, baixadas de tolemia, en definitiva, O TRAMO". Disputarase con inicio ás 10.25 e 18.25 horas.

Por último aparace o percorrido Sanxenxo-Meaño, "único tramo que se mantén idéntico con respecto ao 2025, os seus constantes cambios de ritmo e de asfalto porán a proba aos participantes", afirman os responsables do rally. Terá un horario de 15.15 e 19.25 horas.

O Rallye de Pontevedra pediu por último aos afeccionados que sigan todos os consellos de seguridade respectando en todo momento as indicacións dos comisarios e situándose unicamente nas zonas habilitadas para o público.