Vilagarcía entrega a medalla de ouro da cidade ao Arosa

O Salnés
30 de abril 2022

A traxectoria no fútbol do Arosa SC segue recibindo galardóns. O último foi este sábado da man do Concello de Vilagarcía, que fixo entrega ao club da medalla de ouro para recoñecer e celebrar os seus 75 anos de historia

Entrega da medalla de ouro da ciudade o Arosa
Entrega da medalla de ouro da ciudade o Arosa / Arosa SC

A traxectoria no fútbol do Arosa SC segue recibindo galardóns. O último foi este sábado da man do Concello de Vilagarcía, que fixo entrega ao club da medalla de ouro para recoñecer e celebrar os seus 75 anos de historia.

Foi "un dos días máis importantes da historia", destacou o presidente do club, Manuel Abalo, que afirmou que este premio é "un recoñecemento a moitas persoas de Vilagarcía que durante moitos anos traballaron de forma altruísta por representar da mellor maneira posible á cidade a través do deporte máis popular do mundo, o fútbol".

Recoñeceu a través do seu discurso a traxectoria dos presidentes e directivos e directivas que tivo o equipo ao longo dos seus 75 anos e que "escribiron a nosa historia. Xeracións de vilagarciáns de diferentes épocas, con ideas políticas, gustos e formas de pensar distintas, pero que tiñan e teñen un nexo común grazas ao Arosa".

"Durante estes anos foron miles os xogadores que vestiron a camiseta arlequinada, tanto no primeiro equipo como na nosa canteira desde que naceu o equipo xuvenil en 1958", destacou Manuel Abalo, "un proxecto comprometido co labor social de formar en valores a través do deporte e de xerar un sentimento de identidade".

Agradeceu, como non, o compromiso de toda a afección, que os está acompañando en cada un das viaxes que realiza o equipo durante toda esta longa e complicada tempada "levando o nome de Vilagarcía por Galicia e por España adiante". Tamén na Lomba, onde "socios e socias e peñistas están a facer da Lomba o mellor campo da categoría en ambiente, como din os propios adestradores que nos visitan".

Finalmente, Manuel Abalo puxo en valor a importancia que teñen os patrocinadores e a corporación municipal, en especial o alcalde Alberto Varela. "Non hai maior satisfacción que te valoren e respecten na túa propia casa, neste caso na túa vila. O Arosa foi e será sempre historia viva de Vilagarcía e dos vilagarciáns", concluíu.