A Sociedad Deportiva Teucro ofreceu unha gran imaxe nos últimos minutos que lle serviu para remontar fronte a un Balonmano Ingenio que chegaba á cita a tan só un punto dos pontevedreses. O triunfo permite o equipo lerezano seguir na pelexa polo play-off de ascenso.
Comezou o encontro cos dous equipos moi acertados en ataque. Tanto uns como outros superaban a defensa rival e repartían goles en ambas as dúas portarías con excesiva facilidade, o que se traducía nun resultado de 10-10 aos 15 minutos de xogo. Antes, o Teucro conseguira o primeiro colchón de dous goles que de seguido neutralizou o cadro visitante.
Co empate a dez no luminoso, Irene Vilaboa parou o cronómetro, pero en lugar de dar coa clave para que o seu equipo se escapase, causou o efecto contrario. O Ingenio endosou un parcial de 0-4 (10-14) e os azuis tan só puideron reducir a diferenza a tres goles antes de alcanzar o final do primeiro teimpo (16-19).
O descanso sentou mellor aos locais, que saíron como un revulsivo dispostos a dar a volta ao marcador. Asinaron un 3-0 co que devolveron o empate e, tras catro minutos sen encaixar, o Ingenio conseguiu bater a portaría pontevedresa para romper a seca.
Sabían o que se xogaban ambos os dous conxuntos e deron paso aos instantes de maior igualdade. Con todo, pasado o minuto 45, o Teucro quedou durmido e acabou pagándoo (25-29).
Entrou entón o partido na súa recta final e, cando parecía que o Ingenio o tiña todo controlado, os locais rexurdiron. Restaban 3 minutos e o marcador mostraba 30-33. Ricardo anotou desde o sete metros e o Teucro apostou por unha defensa 5-1 con Wagner máis adiantado para roubar con rapidez e saír á contra.
O Ingenio tomábase o seu tempo en atacar, pero Pello emerxeu en portaría para deter o lanzamento e ceder a Rhuan para que anotase o 32-33.
Parou o tempo o técnico visitante e dispuxeron do ataque co que sentenciar, pero de novo apareceu Pello baixo paus e Rhuan anotou o 33-33 cando restaban 30 segundos para a conclusión. O Teucro fíxose forte en defensa e Wagner, sobre a bucina, meteu o 34-33 co que deu o triunfo aos de Lérez.
Consulta as estatísticas neste enlace