Vitoria e portería a cero con dedicatoria especial para Borja, socio granate de 31 anos falecido esta semana

Pontevedra
13 de marzo 2022
Actualizado: 20:29

O gardameta do Pontevedra, Pablo Cacharrón, luciu ao comezo do encontro unha camiseta que poñía " DEP Borja", socio de fondo norte de 31 anos que faleceu esta semana de cancro e ao que "lle quixen facer unha pequena homenaxe. Vai para el e para a súa familia"

Pablo Cacharrón dedica a vitoria e a portería a cero ao socio Ramón falecido esta semana
Pablo Cacharrón dedica a vitoria e a portería a cero ao socio Ramón falecido esta semana / Cristina Saiz

O gardameta do Pontevedra CF, Pablo Cacharrón, acordouse ao comezo do partido deste sábado ante a Gimnástica Segoviana dun socio recentemente falecido e ao que vai dedicada a vitoria e a portería a cero conseguida en Pasarón.

Cacharrón luciu ao comezo do encontro unha camiseta que poñía " DEP Borja", socio de fondo norte de 31 anos que faleceu esta semana de cancro e ao que "lle quixen facer unha pequena homenaxe. Vai para el e para a súa familia", indicou o porteiro, feliz por poder dedicarlle a vitoria e a portería a cero porque "sempre é bonito acordarse dos socios, se xogamos a isto é por eles".

O gardameta, que foi o protagonista da xornada por manter a súa portería a cero, incidiu na importancia do traballo de "a xente que xogamos máis atrás". "Cando empezamos a boa serie na primeira volta démoslle moita importancia e foi o que nos levou a conseguir ese refacho de vitorias", polo que espera que "podamos volver a esa dinámica e a ese refacho de vitorias".

Insitió, ademais, en que o Pontevedra é "un equipo que xera moito perigo, sobre todo en casa". Con todo, "hai días que estamos máis acertados, outras que menos pero o importante é que a xente atrás estea enchufada. É un obxectivo que está na cabeza toda a semana e o míster fai fincapé niso".

Tamén falou na rolda de prensa de despois do partido Samu Araújo, consciente da necesidade que tiña o equipo de "unha vitoria contundente" e de manter a portería a cero. "Iso dálle ao equipo moral e ganas de seguir o mesmo nivel".

Ademais incidiu en que "hai que ir partido a partido e vernos a nós mesmos, onde queremos chegar e o que queremos facer" independentemente do que faga o líder Unión Adarve. É verdade que "ver para eles pódeche dar un pouco de moral, pero creo que nos temos que centrar en nós e sumar de tres en tres".

Pola súa banda, Rufo, igual que os seus compañeiros, engadiu que "facía falta un resultado así" para saír da dinámica "maldita" na que se meteu o equipo e da que "é difícil saír". "Que mellor que en casa para conseguir unha vitoria avultada e a portería a cero", asegurou.

Importante foi ademais que o equipo non saíse con calma. "No canto de esperar ao minuto 70 para meter unha marcha máis", como fai ás veces, "temos que empezar no minuto 1 para cansar ao rival", sostén, asegurando que o equipo este sábado "saíu moi ben".

Finalmente, en canto a sensacións refírese, o dianteiro atopouse "ben, aos poucos tiven que ir entrando. Sei que non estou ao meu mellor nivel e intento esforzarme en todos os partidos", concluíu.