A configuración do persoal do primeiro equipo do Arosa segue avanzando a bo ritmo. Adestrador, directiva e comisión deportiva pecharon a continuidade de Hugo Soto. O dianteiro de Vilaxoán cumprirá desta forma a súa terceira tempada nas filas arosistas, a segunda consecutiva.
Tamén se alcanzou un acordo co centrocampista Pablo Rivas, que renova igualmente por un ano, co que sumará a súa sexta tempada no club, converténdose no xogador máis veterano do equipo.
Ademais, o Arosa reforzou as distintas liñas de xogo coa fichaxe do defensa central Vitra, Sergio Santos para o medio campo e Manu Justo para a liña de ataque.
Vitra é un xogador novo (21 anos), que se formou no CD Areosa, de onde pasou ao Alondras unha tempada e desde fai dúas campañas militaba no Atios.
Pola súa banda, Sergio Santos (23 anos) saíu do Celta de Vigo, onde xogou unha tempada no filial, para pasar ao Rápido de Bouzas, onde levaba 3 tempadas.
Por último, Manu Justo (20 anos) tamén procede do Rápido de Bouzas. Do mesmo xeito que Vitra formouse nas categorías inferiores do Areosa, desde as que chegou a pasada campaña ao equipo do Baltasar Pujales.
Con estas tres incorporacións, o Arosa xa suma seis caras novas que se engaden ás de Fran Matos, Julio Rey e Roberto Pazos.