A Volta a Nado Illa de Tambo prepara a súa cuarta edición abrindo inscricións

Poio
24 de abril 2025
Actualizado: 12:13

A proba deportiva de natación en augas abertas celebrarase o domingo 17 de agosto en Combarro con tres opcións segundo a distancia a completar

Terceira edición da Volta Nado Illa Tambo combarro Mónica Patxot

A cuarta edición da Volta a Nado Illa de Tambo ponse en marcha.

Faino coa apertura oficial de inscricións, prevista para este venres 25 de abril a través de www.championchipnorte.com.

A proba deportiva de natación en augas abertas celebrarase o domingo 17 de agosto en Combarro con tres opcións segundo a distancia a completar: 1 quilómetro, 4,5 quilómetros e 6 quilómetros.

Organizada por Atlantic Extreme Sport e o Concello de Poio, aspira a seguir consolidándose no calendario deportivo como un dos eventos estivais de referencia no municpio e a comarca.

O obxectivo é chegar a reunir máis de 300 nadadores nacionais e tamén con presenza internacional.

En canto á competición a travesía a nado de 6 quilómetros levará os participantes a dar a volta completa á illa de Tambo, mentres que no percorrido de 4,5 quilómetros os nadadores chegarán até a praia de Area da Illa, situada ao norte de Tambo.

Por último a proba curta, de 1.000 metros e na que poderán participar deportistas a partir dos 12 anos de idade, celebrarase nas inmediacións da Praza da Chousa de Combarro, desde onde se dará a saída de todas as distancias e onde tamén estará instalada a meta.

Como en anteriores edicións, os participantes poderán gozar o día previo á competición dunha visita guiada á illa de Tambo para darlles a opción a coñecer a historia e o patrimonio natural e cultural deste enclave privilexiado da ría de Pontevedra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora