Volve a Baixada de Carrilanas a Barro

Barro
24 de maio 2022

O domingo 5 de xuño agárdase que se recupere esta actividade popular, que chega á quinta edición. A última proba disputada no municipio foi en 2019. Nos seguintes anos suspendeuse esta competición debido á pandemia

Participante na Baixada de Carrilanas de Barro
Participante na Baixada de Carrilanas de Barro

Volve a velocidade sen motor máis divertida a Barro. O domingo 5 de xuño está previsto que se recupere a tradicional Baixada de Carrilanas que se desenvolve neste municipio. Será a quinta edición e a proba iniciarase a partir das 15.30 horas en Campodeira.

Este deporte de inercia conta cun gran seguimento popular en Galicia. A primeira competición en Barro celebrábase en 2016 cando os participantes tiñan que facer fronte a un circuíto de 1,7 quilómetros.

Durante os seguintes anos a proba foi suscitando cada vez máis interese entre os afeccionados. En 2019 celebrábase a cuarta edición. Debido á irrupción da pandemia en 2020, a organización viuse obrigada a suspender esta proba ata este 2022 na que estes característicos vehículos volverán realizar o traxecto nunha competición que conta co apoio do Concello de Barro en colaboración coa Federación Galega de Inercia e coa Federación Inercia Asturiana.

O percorrido dos descensos este ano serán desde Campodeira ata O Outeiro, na contorna da piscina municipal de Barro onde se sitúa a meta. As verificacións das carrilanas que participen realizaranse entre as 11.00 e as 12.00 horas no Pazo da Crega.

As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa organización a través do teléfono 609.978.827 ou na web da Federación Galega de Deportes de Inercia.