Volve a liga Feminina 2 para un Arxil que viaxa ao País Vasco coa dúbida de Yanique Gordon

Pontevedra
08 de xaneiro 2016

O club continúa pendente da xogadora xamaicana polos seus problemas de visado. A previsión é que se incorpore ao equipo directamente en Vitoria poucas horas antes do partido ante o Araski tras viaxar durante toda a noite do venres

Yanique Gordon no salto inicial do Arxil-Badajoz
Yanique Gordon no salto inicial do Arxil-Badajoz / Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil retoma este sábado (17:00 horas) en Vitoria a competición na liga Feminina 2 e faio pendente de se poderá contar cun dos seus reforzos desta tempada, a pívot xamaicana Yanique Gordon.

A xogadora aínda se atopaba este venres no seu país tentando arranxar o seu visado, tendo previsto viaxar a España durante a noite para incorporarse directamente á disciplina do equipo no País Vasco, poucas horas antes do choque.

É a previsión que manexa o club pontevedrés, pero a súa presenza no primeiro partido oficial do ano será dúbida ata última hora.

A súa ausencia sería un contratempo para Mayte Méndez, que terá á súa disposición nunha convocatoria composta por: Ana Román, Skye Rees, María Centeno, María Lago, Carla Fernández, Cristina Díaz-Pache e Fany López.

O choque, que poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Araski, supón unha nova oportunidade para que o Arxil se achegue aos primeiros postos, xa que o conxunto vasco conta cun triunfo máis na clasificación que as pontevedresas.