O deporte como aliado.
O Club Waterpolo Pontevedra viviu este luns 27 de outubro unha xornada diferente, coincidindo co Día Nacional do TDAH (Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade).
A entidade deportiva abriu os seus adestramentos a nenos e nenas da Asociación Adahpo.
Puideron desta forma participar nunhas actividades de waterpolo adaptado organizadas na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur.

Colaboraron nelas deportistas do club, tanto de categorías infantil ou cadete como as xogadoras absolutas do equipo de Primeira Nacional.
Toda unha experiencia enriquecedora para todos os participantes coas que reforzar a importancia do deporte e do waterpolo en particular.
Trátase dunha actividade enmarcada dentro do programa de formación complementaria do Club Waterpolo Pontevedra.