Waterpolo e Natación Galaico acordan negociar a unión de ambos os clubs

Pontevedra
31 de outubro 2015

Desta forma o waterpolo integraríase de novo na estrutura do Natación Galaico un ano despois da súa separación. De maneira paralela e mentres isto non se produce, o club de waterpolo poderá adestrar en Rías do Sur unha vez desbloqueada a renovación do convenio coa fundación

Asemblea do Waterpolo Galaico Pontevedra
Asemblea do Waterpolo Galaico Pontevedra / PontevedraViva

Apenas un ano despois Waterpolo e Natación Galaico poden camiñar xuntos de novo.

Ambos os dous clubs negociarán a súa unión en próximas datas tras achegar posturas nas últimas horas, despois de que o waterpolo convocase unha asemblea extraordinaria para discutir sobre a disolución do club ante os problemas para poder adestrar.

Se esta negociación frutifica, o waterpolo volvería integrarse na estrutura do Club Natación Galaico deixando atrás as discrepancias que ocasionaron a súa separación.

Este plantexamento foi aprobado polos socios do Waterpolo Galaico e será levado proximamente a asemblea por parte do club de natación para que poida ser referendado.

A curto prazo, mentres se pecha o acordo entre ambas as entidades, os equipos de waterpolo poderán volver usar as instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur, tras desbloquear a renovación do convenio coa fundación e solucionar así a falta de horas de piscina que amenazaba a súa continuidade.