As críticas ao Concello vertidas pola xunta directiva do Club Natación Galaico, responsabilizando ao goberno local da perda do dereito a organizar o próximo Campionato de España Infantil e Junior en Pontemuiños, atoparon unha rápida resposta por medio da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
A edil mostrouse contundente ao explicar que "o que non podemos é estar pensando en organizar un campionato cando hai clubs da cidade con nenos que practican deporte de auga que non teñen espazo por decisións da Fundación", en relación á polémica aberta co Club Waterpolo Galaico e que imposibilita aos seus equipos para utilizar as instalacións de Pontemuiños para os seus adestramentos.
"A piscina olímpica non pode quedar reducida a un coto privado, onde a Fundación Rías do Sur é a que controla todo", defende Riveiro, que alega as "aportacións públicas importantes" na construción do complexo deportivo.
"Todos os clubs son iguais para nós, o Galaico, waterpolo, SAPO ou sincronizada e temos que velar polos intereses de todos", defendeu a concelleira, quen sinala que ao seu xuízo a "Fundación Rías do Sur, como propietaria do Galaico sería a que ten que dar un paso adiante" para solucionar o conflito.
As discrepancias fixéronse públicas tras o verán cando a Fundación non renovou o convenio co club de waterpolo. Desde ese momento sucedéronse os contactos, tamén entre responsables de ambas as entidades deportivas, quen chegou a acordar negociar de novo a súa integración, opción que se descartou a pasada semana ao votar en contra os socios do Natación Galaico.