O Waterpolo Galaico volve á piscina olímpica ao alcanzar un acordo con Supera

Pontevedra
07 de xaneiro 2016

O club pagará un aluguer directamente á concesionaria de Rías do Sur para poder adestrar ás súas instalacións "mientras no se solucione todo", explicaron desde a entidade. O acordo supón un custo importante e obriga á procura de novos patrocinadores

Presentación do Campionato Galego Alevín de Waterpolo
Presentación do Campionato Galego Alevín de Waterpolo / Mónica Patxot

É unha medida "provisional" pero permitirá aos equipos do Waterpolo Galaico adestrar con normalidade ata final de tempada sen problemas de horario e espazo.

"Mientras no se solucione todo", explicou Javi de Sáa en relación ao conflito co Natación Galaico polo uso do Complexo Deportivo Rías do Sur, o club de waterpolo alugará directamente a Supera, concesionaria das instalacións, horas de piscina en Pontemuiños.

O acordo, que debe ser ratificado polos socios nunha asemblea convocada para este venres 8 de xaneiro, supón "un dinero importante" para as arcas do Waterpolo Galaico, polo que deberá buscar novos patrocinadores que lle axuden a soportar o incremento no seu orzamento anual.

CAMPIONATO GALEGO ALEVÍN NO CGTD

Deixando ao carón os problemas de adestramento, a actividade segue para o club pontevedrés, que organizará o vindeiro sábado 9 o Campionato Galego Alevín Mixto de Waterpolo I Torneo Viaqua en colaboración da Federación Galega de Natación.

Á competición, ademais de dous equipos do Galaico, acoden Marina Ferrol, RCN Vigo, CW Santiago, CN Coruña e Asociación Coruñesa de Waterpolo.

Disputarase a piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva en horario de 10:45 a 14:00 e de 16:15 a 21:00 horas.