Horizonte 2018 para o Waterpolo Pontevedra

Pontevedra
04 de maio 2016

O club pontevedrés iniciará unha serie de campañas promocionais para incremetar a súa masa social e de xogadores de base nos próximos anos co horizonte de chegar ao seu vixésimo aniversario con 200 socios. Ademais buscarán patrocinios e mellorar a súa saúde económica cunha campaña de 'crowdfunding'

Presentación de equipos do Waterpolo Galaico Pontevedra
Presentación de equipos do Waterpolo Galaico Pontevedra

No ano 2018 o Club Waterpolo Pontevedra, que renunciou de maneira oficial ao seu apelido de Galaico, cumprirá 20 anos de vida, un tempo no que non deixou de crecer ata converterse no principal referente deste deporte en Galicia.

A pesar da súa situación a nivel autonómico, o club pontevedrés plantéxase chegar a esa data en mellor saúde, incrementando a súa masa social, de xogadores de base e con músculo financeiro para custear a súa participación nos diferentes campionatos de España.

Por ese motivo o Waterpolo Pontevedra poñerá en marcha unha serie de campañas de promoción do seu deporte na cidade, que inclúen visitas a centros escolares ou unha xornada na rúa, coa instalación dunha piscina portátil na Peregrina.

Ademais preténdese potenciar as categorías femininas, buscarase unha solución defenitiva ao conflito coa piscina olímpica que dificulta o adestramento dos seus equipos e poñerase en marcha unha campaña de 'crowdfunding' ou microfinanciación para tentar custear a viaxe dos seus equipos aos diferentes torneos nacionais.

O Waterpolo Pontevedra conta actualmente con dez equipos repartidos polas diferentes categorías, con preto dun cento de licenzas federativas. O obxectivo en relación á masa social é achegarse en 2018 á cifra dos 200 socios.