O Club Waterpolo Pontevedra debutou con vitoria na segunda fase da Primeira División Nacional Feminina, vencendo 15-12 o Leioa Waterpolo na piscina do Colexio Askartza Claret.
Tras liderar a primeira fase e lograr bronce na Copa Federación, as pontevedresas alargan esa boa serie lograda até o momento para sumar un novo triunfo no comezo desta fase e manterse na segunda praza, a 3 puntos do CN Rubí e co CN Barcelona a 1 punto.
O Waterpolo Pontevedra foi de menos a máis no partido, concedendo en defensa aínda que sempre respondendo da mesma maneira na portaría contraria, o que se traduciu nunha alta efectividade ofensiva e alternativas constantes para os dous equipos (5-6).
No segundo, pola contra, predominaron as defensas aos ataques, pero co Waterpolo Pontevedra levando as rendas do marcador para enviar o partido ao descanso cun resultado a favor de 7-8.
Tras o intermedio, o guion cambiou. As pontevedresas tapiaron a súa portaría a pesar das dúas exclusións consecutivas de Irene Esteban e seguiron acertadas en ataque con Rocío Ferreira e Alba Rodríguez, que se encargaron de enviar o balón na rede contraria para encarrilar o triunfo a favor do equipo (8-11).
Xa no último cuarto, Carmen Rodríguez ampliou a renda ao catro goles que significaron a máxima diferenza dun partido que se terminou levando o Waterpolo Pontevedra por 12-15.
Con este resultado, o Waterpolo Pontevedra segue segundo con 17 puntos, mentres o Leioa continúa pechacancelas con cero.
Consulta as estatísticas neste enlace
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.