O Waterpolo Pontevedra pecha a primeira fase cun triunfo de ouro en Molins de Rei

Pontevedra
07 de febreiro 2026

As pontevedresas impuxéronse 7-8 a un rival directo e arrincarán a segunda fase con vantaxe sobre o conxunto catalán

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CN Boadilla en Rías do Sur
Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CN Boadilla en Rías do Sur / Cristina Saiz

O Club Waterpolo Pontevedra asinou este sábado unha moi importante vitoria na casa do CN Molíns de Rei coa que pon o broche de ouro á primeira fase da Primeira Nacional feminina (7-8).

Este resultado permite ás pontevedresas afrontar desde o máis alto da táboa a seguinte rolda, á que acceden os catro primeiros clasificados cos puntos conseguidos nos partidos directos.

Desta forma, o Waterpolo Pontevedra chega á seguinta fase con vantaxe sobre o equipo catalán, que finalizou cuarto e ao que superou tanto na ida como na volta.

O choque, tal e como indica o resultado, decidiuse por detalles. As pontevedresas foron máis efectivas ao comezo, logrando un 0-2 inicial grazas aos tantos de Alba Rodríguez e Andrea Andión.

Con todo, o conxunto catalán reaccionou antes do final do primeiro cuarto da man de Nerea Morales e Marta Cuello para igualar o marcador.

No segundo período, a igualdade e a falta de acerto en ataque de ambos os equipos foi a tónica. Tras catro minutos sen anotacións, Julia Vidal puxo por diante ao Molins de Rei (3-2), con resposta inmediata do cadro visitante cos tantos de Alba Rodríguez e Andrea Prados, que deron a volta ao marcador para deixar o 3-4 ao descanso.

O partido mantivo o mesmo guion tras o intermedio. Lidia López empatou para as locais, pero Carmen Díaz e Isabel Pérez restableceron a vantaxe pontevedresa (4-6). No tramo final do cuarto, Julia Torras reduciu a distancia e colocou o 5-6 deixando todo por decidir no último parcial.

Carmen Rodríguez e Irene Esteban ampliaron a renda até o 5-8, pero o Molins de Rei non se rendeu e entre Ainhoa Vizcaíno e Lidia López encargáronse de apertar o marcador cando aínda restaban dous minutos por disputarse (7-8).

Durante ese tempo, o Waterpolo Pontevedra soubo manter a calma e defender con solidez, asegurando tres puntos fundamentais de cara á segunda fase.

Consulta as estatísticas neste enlace

Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora