O Waterpolo Pontevedra, sen piedade en Málaga

Pontevedra
25 de xaneiro 2026

O conxunto pontevedrés goleou a domicilio o pechacancelas da competición (6-18) e está a un paso de asegurar matematicamente o primeiro posto de grupo

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Dos Hermanas en Rías do Sur
Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Dos Hermanas en Rías do Sur / Cristina Saiz

Con paso firme segue camiñando o Club Waterpolo Pontevedra na primeira fase da Primeira Nacional Feminina.

Cun posto asegurado xa na pelexa polo ascenso, o equipo pontevedrés queda xa a un paso de facerse matematicamente co primeiro posto do seu grupo.

As pontevedresas sumaron este sábado un novo triunfo (e van 11 en 12 xornadas) cunha goleada sen piedade na piscina do pechacancelas da competición, o CD Waterpolo Málaga, por 6 a 18.

Un duelo que empezaron a decantar xa no primeiro cuarto colocándose 0-4 nos primeiros compases e administrando despois a súa vantaxe.

O choque serviu ademais como debut para Carmen Díaz, recente fichaxe do equipo que demostrou a súa capacidade goleadora ao anotar 6 tantos, 2 deles de penalti.

A próxima xornada será o último partido en casa do Waterpolo Pontevedra na primeira fase da competición, coa visita do Natación Boadilla (sábado 31 de xaneiro, 16.15 horas) á piscina olímpica de Rías do Sur.