Xadrecistas de 22 países danse cita no XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra

Pontevedra
22 de xullo 2026

Máis de 250 xogadores encherán o Pavillón Universitario da Boa Vila do 24 ao 30 de xullo nun dos torneos de xadrez máis importantes a nivel nacional

Presentación do XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Presentación do XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Xa está aquí o XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, unha das datas máis significativas no calendario deportivo da Boa Vila e, en especial, de todo o xadrez galego.

Con máis de 250 inscritos até a data, a edición deste 2026 podería ser a máis numerosa na historia da competición e de Galicia en caso de bater a marca de 257 participantes que se rexistrou o ano pasado.

Restan 24 horas para o peche de inscricións, polo que o director do torneo, Pablo García, confía en alcanzar este fito.

A cifra que xa supón un récord é a de xogadores procedentes doutros países cun total de 22 nacionalidades. Todos eles citaranse do 24 ao 30 de xullo no Pavillón Universitario de Pontevedra.

Destaca India como unha das procedencias con maior representación (17 xogadores) mentres que países como Cuba ou Ucraína estarán presentes con catro e tres inscritos respectivamente. O noso veciño ibérico, Portugal, lidera a lista internacional con 22 xadrecistas.

Entre eles atópanse algúns dos nomes máis importantes do panorama internacional como é o caso dos Gran Mestre Andrea Stella (Italia) e José Roberto Elías (Cuba). Quen será dúbida até última hora é o número un do cadro, o Gran Mestre iraniano Mhadi Gholmi.

Outra referente que participará nesta edición e que, ademais, acudiu á presentación deste mércores no Concello, é a Mestra Internacional Sabrina Vega.

Unha medalla olímpica, dous subcampionatos de Europa, nove campionatos de España e un premio Raíña Sofía concedido polo CSD son algúns dos galardóns dos que pode presumir a canaria.

Presentación do XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Presentación do XIV Torneo Internacional Cidade de PontevedraConcello de Pontevedra

Durante a súa intervención, Vega destacou a importancia de achegar o xadrez aos máis novos xa que é "unha ferramenta con moitísima versatilidade que fomenta algo que vai máis aló do taboleiro, que vai moito máis alá do deporte, que é esa xeración de valores sociais".

Tamén acudiu á presentación o Director de Área de xestión de infraestruturas do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, que puxo en valor as dúas décadas que a Universidade leva colaborando coa Escola Xadrez Pontevedra.

"Este tipo de eventos e colaboracións van máis aló do meramente colaborativo, senón que ten resultados a nivel deportivo, a nivel social e tamén a nivel educativo", destacou.

A decimo cuarta edición do Torneo Interancional contará tamén con algunhas das grandes promesas do xadrez nacional e tamén internacional como o brasileiro Mathias Casalaspro, Mestre FIDE con 13 anos; o campión de España Sub12 Hugo Pérez; ou o campión galego Sub12 e membro do club pontevedrés, Javier Lema Fernández.

Repartiranse un total de 13.000 euros en premios ademais dun galardón especial en honra a Ramón Escudeiro Tilve. Con todo, un dos principais atractivos para os xadrecistas é o caracter puntuable da competición de cara ao ranking FIDE.

O director do torneo, Pablo García, explicou tamén que participará a Selección Xuvenil ONCE con Aarón San Juan como integrante e vixente campión de España da categoría.

Todo o campionato poderase seguir en directo a través dos principais portais de xadrez como chess.com, lichess.org, playchess.com e sichess.com. Para quen queira gozar desta experiencia en persoa, a entrada ao recinto será gratuíta.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora