O bo inicio de liga do Club Cisne Balonmán viuse embazado este sábado tras caer fronte ao Ademar León por un contundente aínda que inxusto 39-32. A pesar de que os leoneses seguen débiles en defensa, rexurdiron cun ataque brillante na segunda metade grazas á actuación do lateral serbio Milosavljevic.
Como vén sendo habitual, o duelo comezou con moita igualdade e cheo de imprecisións entre un necesitado Ademar León e un Cisne coa moral pola nubes tras as dúas vitorias consecutivas conseguidas ante a súa afección.
Con todo, aos poucos os de Javier Márquez fóronse entoando enataque cun acertado Carlos Álvarez que anotou catro tantos seguidos, mentres os de León respondían da mesma forma e, mesmo, logrando unha renda de dous goles chegado o ecuador do primeiro acto (11-9).
Enseguida os brancos deron a volta ao marcador cun gol de Carlos Pombo e dous Mateo Arias, que demostraban que na primeira liña atopaban lanzamentos fáciles e era moi complicado frealos.
Pero o Ademar espertou cando quedaban menos de 10 minutos para o descanso, momento no apareceron Boskos e Juan Castro para dar aos seus unha vantaxe de dúas tantos ao final da primeira metade (20-18).
Despois do paso polos vestiarios o partido rompeu; os de Javier Cárdenas realizaron un moi bo arranque cunha defensa moi activa que lles permitiu dobrar a vantaxe, mentres o Cisne era incapaz de frear a ofensiva local liderada por Molosavljevic, que fixo que a renda se fora ata os nove goles a falta de 20 minutos para a conclusión (30-21).
Aínda que o partido xa estaba resolvido, os pontevedreses seguiron pelexando cada balón e non baixaron o ritmo, maquillando o resultado ata un definitivo 39-32.
Consulta as estatísticas do Ademar León-Cisne