'Xogade coas motos' chega a Poio ofrecendo un primeiro contacto co motociclismo

Poio
19 de maio 2025
Actualizado: 18:53

Este programa de promoción está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos. Celebrarase o sábado 24 de maio en Poio con todas as súas prazas xa cubertas

Presentación da iniciativa 'Xogade coas motos' en Poio
Presentación da iniciativa 'Xogade coas motos' en Poio / Concello de Poio

A Seca converterase o vindeiro sábado 24 de maio nun circuíto improvisado de motociclismo cun programa de promoción para nenos e nenas da comarca.

Trátase de 'Xogade coas motos', iniciativa que forma parte do programa de deporte base que impulsa a Xunta de Galicia e que conta nesta ocasión coa colaboración de VF Timing, a Federación Galega de Motociclismo e o Concello de Poio.

Non é unha coimpetición, senón unha oportunidade para que nenos e nenas de entre 6 e 15 anos teñan o seu primeiro contacto e experiencia co manexo de motos de velocidade.

A actividade ten como finalidade saber se ao neno lle gusta o deporte do motociclismo, con acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade dirixidos por monitores.

Valorarase o nivel dos pequenos informando os pais do nivel no que se atopan.

O único requisito para participar é saber montar en bicicleta.

A iniciativa, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, espertou gran interese e esgotou xa as 40 prazas dispoñibles.

'Xogade coas motos' organízase en nove municipios galegos, só dous deles na provincia de Pontevedra.