Xornada de paddle surf este domingo en Marín coa celebración da Aguete SUP Race

Marín
01 de xullo 2023

Este sábado, a pé de praia, a alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro Antonio Caíña presentaron este evento, que celebrará dúas competicións a nivel galego que traerán a case 90 deportistas á vila marinense, algúns procedentes de Asturias, Euskadi e Portugal, entre outros lugares

Presentación do Aguete SUP Race
Presentación do Aguete SUP Race / Concello de Marín

A praia de Aguete, en Marín, encherase este domingo de táboas de paddle surf coa celebración da Aguete SUP RACE.

Este sábado, a pé de praia, a alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro Antonio Caíña presentaron este evento, que celebrará dúas competicións a nivel galego que traerán a case 90 deportistas á vila marinense, algúns procedentes de Asturias, Euskadi e Portugal, entre outros lugares.

Na mañá do domingo desputarse o campionato de velocidade en mar, establecido en quendas eliminatorias e consistente en que os participantes saian desde a praia e percorran unha distancia de 100 metros, ida e volta.

Xa á tarde celebrarase a proba de longa distancia, realizando un percorrido desde a praia de Aguete e que vai costeando todas as praias de Marín ata a dársena da Escola Naval Militar, para despois dar a volta á illa de Tambo e volver de novo a Aguete.

Desde a organización confían en que será unha xornada moi lúdica na que ademais acompañan perfectamente as previsións meteorolóxicas.