Xornada de solidariedade no Pontevedra-Rayo Majadahonda

Pontevedra
11 de decembro 2019

Coincidindo coa última xornada de liga do ano en Pasarón, o club pontevedrés organiza unha recollida solidaria de alimentos, mentres que o colectivo Siareirxs Granates aposta pola doazón de xoguetes e roupa de abrigo

Siareirxs Granates no partido de liga entre Pontevedra e Atlético Madrid B en Pasarón
Siareirxs Granates no partido de liga entre Pontevedra e Atlético Madrid B en Pasarón / Diego Torrado

A última xornada de liga do ano no Estadio Municipal de Pasarón, prevista para este sábado 14 de decembro (19:00 horas) estará marcada polas iniciativas solidarias organizadas polo Pontevedra Club de Fútbol e polos seus afeccionados.

O club granate, coincidindo co choque ante o Rayo Majadahonda, anunciou unha recollida solidaria de alimentos en favor do Banco de Alimentos.

Para incentivar a participación dos afeccionados, o Pontevedra permitirá que cada socio convide a un acompañante ao partido entregando un quilo de alimentos non perecedoiros.

Por outra banda, o colectivo Siareirxs Granates aposta pola doazón doutros produtos, como son os xoguetes e a roupa de abrigo tan necesaria para pasar a época de frío.

No seu caso, os seguidores instalarán un posto de recollida destes obxectos desde as 12:00 horas ata o inicio do choque na esquina do bar A  Pallota, onde se adoitan reunir.