Xornada de traballo para ultimar a organización da Europa Cup de waterpolo

Pontevedra
24 de xaneiro 2018

O ex-seleccionador nacional de waterpolo, Rafael Aguilar, agora responsable técnico da Federación Española, visitou este mércores a cidade e avanzou xunto ao director do Servizo Municipal de Deportes nos detalles do evento que traerá a Pontevedra á selección subcampioa do Mundo

Reunión organizativa da fase final da Europa Cup de waterpolo
Reunión organizativa da fase final da Europa Cup de waterpolo / Concello de Pontevedra

O ex-seleccionador nacional de waterpolo, Rafael Aguilar, agora director técnico da Federación Española de Natación, visitou este mércores a cidade para avanzar nos detalles organizativos da fase final da Europa Cup Feminina.

Aguilar mantivo un encontro co director do Servizo Municipal de Deportes e visitou as instalacións do Complexo Deportivo Rías  do Sur de  Pontemuíños, onde se disputará a competición de seleccións nacionais entre o 22 e o 24 do próximo mes de marzo.

Ademais das instalacións ou a infraestrutura hostaleira, o encontro serviu para avanzar no organigrama, horarios e seguridade da competición, na que participará o equipo español, actual subcampión mundial, ademais doutros cinco combinados nacionais.

Durante a visita a Pontemuiños estiveron tamén presentes representantes da Fundación Rías do Sur e da empresa concensionaria das instalacións.

Doutra banda, segundo sinalou o Concello de Pontevedra, trabállase na organización de actividades paralelas ao campionato para tentar promocionar o  waterpolo aproveitando a presenza na cidade da Selección Española.