España e Grecia serán cabezas de serie na fase final da Europa Cup de waterpolo en Pontevedra

Pontevedra
09 de febreiro 2018

Disputada a fase inicial da competición, xa se coñece o nome dos seis equipos nacionais absolutos que pelexarán polo título continental o próximo mes de marzo na  piscina olímpica de Pontemuíños

Partido entre España e Holanda na fase previa da Europa Cup de waterpolo
Partido entre España e Holanda na fase previa da Europa Cup de waterpolo

Cando falta mes e medio para a súa celebración, a Fase Final da Europa  Cup de waterpolo feminino que se disputará en Pontevedra xa coñece o nome dos equipos nacionais participantes.

Pechada a fase inicial da competición, as seleccións que serán cabeza de serie na piscina olímpica de  Pontemuíños será a actual subcampioa do Mundo, España, e tamén Grecia, como primeiros clasificados nos seus respectivos grupos.

Na previa disputada en Holanda, España foi primeira de grupo despois de gañar tres dos seus partidos ante Rusia (8-7), Francia (22-5) e Croacia (25-5) e ter empatado ante a selección local (8-8). 

Pola súa banda no grupo clasificatorio celebrado en Grecia, o conxunto anfitrión foi primeiro superando a Hungría, Italia, Alemaña e Israel.

Desta forma, os seis equipos (tres de cada grupo clasificatorio) que xogarán a Final a 6 do 22 ao 24 de marzo en Pontevedra serán: España, Holanda, Rusia, Grecia, Hungría e Italia.

Como cabezas de serie España e Grecia  accedederán directamente ás semifinais da competición internacional, mentres que os outros catro equipos (Holanda, Rusia, Hungría e Italia) deberán enfrontarse entre eles nos cuartos de final.

Tras lograr o primeiro posto de grupo en Holanda, o seleccionador nacional español,  Miki Oca, recoñeceu en declaracións á Real Federación Española de Natación que en Pontevedra "queremos facelo ben pero sen perder o noso gran obxectivo da tempada que son os Campionatos de Europa de verán en Barcelona".