Xornada redonda para un Céltiga que casi abandona a zona de perigo gañando ao Somozas (2-0)

O Salnés
18 de abril 2019

O contundente triunfo no Salvador Otero e a derrota do Ribadumia, rival directo dos arousáns, auguran un final de tempada máis esperanzador na procura da permanencia

Partido entre o Arosa e o Céltiga na Lomba
Partido entre o Arosa e o Céltiga na Lomba / Diego Torrado

O  Céltiga CF tivo este xoves todo do seu lado. Por unha banda, recibiu ao UD Somozas e gañou con autoridade no Salvador Otero. Por outra, o Ribadumia, rival directo na táboa, perdeu ante o Alondras no seu campo. Así, os arousáns conseguen, despois de dúas derrotas consecutivas, despegarse un pouco da zona de perigo a falta de cinco xornadas para o final da tempada, facendo máis esperanzadora a pelexa pola permanencia.

O cadro local dominou practicamente todo o partido. Cando se aproximaba o ecuador da primeira metade, Marcos Bermúdez inauguraba o marcador cun gol de penalti (1-0). Ante a falta de ideas dos visitantes para igualar o encontro, marcharon ao descanso coa vantaxe dos de casa.

Coa reanudación, continuou todo de fronte para os anfitrións, que, despois de cultivar varias ocasións de gol ante a portería de Manu Cedrón, lograron anotar, no último minuto de partido, o 2-0 por medio de Diego Lamas.

A próxima semana, os de Javi Rey viaxarán para enfrontarse ao Ourense CF, que exerceu un duro correctivo sobre os arousáns o pasado mes de decembro no Salvador Otero (0-8).

Consulta a acta do Céltiga CF-UD Somozas.