Xornada sen medallas para os padexeiros locais no Europeo de maratón

Pontevedra
01 de xullo 2016

Damián González e Manuel Cons, do Piragüismo Verducido, aspiraban ao podio no C-1 de categoría sub-23 pero finalmente non puedieron lograr o seu obxectivo

Yeray García e David Mochales
Yeray García e David Mochales / Federación Galega de Piragüismo

Vistosa xornada de competición a deste venres no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón, con boas condicións de navegación no río Lérez e numeroso público seguindo as evolucións dos deportistas junior e sub-23.

A xornada concluíu sen ningunha medalla local, aínda que os pontevedreses Damián González e Manuel Cons, ambos os do Piragüismo Verducido, aspiraban ao máximo no C-1 da categoría sub-23.

Non tiveron o seu mellor día, lastrados por un choque aos 300 metros da saída que lles fixo perder tempo cos demais competidores. Tentaron recuperar posicións para achegarse ao podio, pero pagaron o esforzo nas últimas voltas. Finalmente Damián concluíu nunha meritoria sexta praza e Manuel foi décimo.

En canto aos barcos dobres, Yeray García e David Mochales (Club Piragüismo Illa de Arousa) concluíron na sexta posición na categoría C-2 junior.

Os que si conseguiron subir ao podio foron os españois Francisco Capín e David Migoya no K-2 junior, no que conseguiron a medalla de prata tras unha dura pugna cos gañadores, os húngaros Istvan Lukacs e Akos Obert.

Concluída a competición elite junior e sub-23, este sábado chega a quenda dos senior coas probas individuais, pechándose o domingo o Europeo coas regatas por equipos.