Dobrete pontevedrés en C-2 para pechar un exitoso Campionato de Europa de Piragüismo Maratón

Pontevedra
03 de xullo 2016

Tono Campos (Breogán do Grove) conseguiu a súa segunda medalla de ouro do campionato ao vencer no C-2 xunto ao seu compañeiro José Manuel Sánchez. O pontevedrés Óscar Graña e o arousano Ramón Ferro (Kaiak Tudense) acompañáronlles no podio desde a segunda posición

Última xornada do Europeo de piragüismo maratón
Última xornada do Europeo de piragüismo maratón

Inmellorable peche de competición no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón coa proba máis esperada pola afección local, o C-2 senior masculino.

As expectativas eran altas e os protagonistas non defraudaron, con dobrete pontevedrés na primeira e segunda posición final. Tono Campos (Breogán do Grove), que xa se impuxera no C-1, conseguiu o seu segundo ouro do campionato, esta vez co seu compañeiro José Manuel Sánchez tras ser os máis rápidos nos 26,2 quilómetros de percorrido polo río Lérez.

A medalla de prata foi pola súa banda para o pontevedrés Óscar Graña e o arousano Ramón Ferro (Kayak Tudense), despois dunha dura pugna que se empezou a decidir no último porteo.

"Nas últimas voltas iamos controlando entre nós e controlando tamén a distancia respecto dos húngaros para xogárnolo ao final. Sabiamos que gañar uns metros nos porteos ía ser moi valioso para a última volta e así foi", sinalou Campos tras a proba.

O flamante dobre campión mostrouse moi satisfeito por superar á parella húngara, actuais campións do Mundo e que foron terceiros finalmente, recoñecendo que "cando saímos e vimos que non viñan decidimos colaborar os dous barcos españois e xogárnolo ao final" xa que "era a estratexia que había que seguir para poder batelos".

Tono Campos e Josñe Manuel Sánchez completaron o percorrido en 2 horas e 50 segundos, con 32 segundos de diferenza sobre Graña e Ferro e 1:12 sobre os húngaros Kövér e Dóczé.

Tamén satisfeitos da súa actuación mostráronse Óscar Graña e Ramón Ferro co seu metal internacional número 18: "Eu teño case 40 anos e para nós é un éxito seguir sumando, sexa o metal que sexa. Evidentemente é en casa, queres gañar, pero é un subcampionato de Europa, que non é pouco", explicou o veterano pontevedrés.

Foron igual de ben as cousas no K-2 masculino, con ouro e prata para a delegación española. Os vencedores foron Iván Alonso e Diego Piña, padexeiros do Kayak Tudense, seguidos dos asturianos Luís Amado Pérez e Miguel Llorens.

Completou a xornada o K-2 feminino, na que a mellor tripulación española foi a composta por Estefanía Fernández e Nuria Villace, quintas.

Tras toda esta emoción chegou a quenda da cerimonia de clausura do Europeo, no que a organización pontevedresa espera ter dado unha grande imaxe pensando na candidatura presentada para acoller en 2020 o Campionato do Mundo da especialidade.